miércoles, 29 de abril de 2020

Envío de cartas!!!


Querido grumete,

Non sei se sabes que son amigo dos paxariños. Son moi amigo dos paxariños. Eu son o mellor amigo dos paxariños do mundo mundial! Cando manexas un barco é imposible non ser amigo deles…  Grazas aos paxaros sei se estou cerca da terra ou perdido no medio do mar. Grazas aos paxaros guíome se aprendo as súas migracións. Grazas ao ánimo dos paxaros intúo que tempo vai facer e sei que roupa poñerme. Grazas aos paxaros voa a miña imaxinación.



Como agora estou confinado e non podo saír, tampouco podo velos. Ás veces asubío dende a casa e intento imitar a lingua dos paxaros, pero a eles non lles gustan as casas porque prefiren as árbores e xa nunca se paran a falar comigo.

O que quería contarte é que alguén enviou unha mensaxe atada na pata dunha ave á miña ventá.
Escribiume moitas cousas que non podo contar porque son un segredo, pero grazas a iso sei que a mensaxe veu da escola. Si! Adiviñeino! Non podo contar como, mais descubrino. E aínda que non saiba quen me enviou a carta, fíxome moita ilusión.

Por esa razón, quero invitarte a que lle escribas unha carta a algún compañeiro ou compañeira que botes en falta e que teñas ganas de velo. Ela, ou el, vai estar desexando que lle contes a súa vida. Pode ser unha carta, dúas, tres...  Envía as cartas que queiras, pero acórdate de firmalas e de facelas ben!!!

Como agora non é moi boa idea mandalas por Correos, voume ocupar eu do envío   ✌✌✌



Mándalla ao teu amigo enviándoa imaxinaenpalabras@gmail.com .  Eu prometo que non a miro! E, se non a podo enviar agora, deixareina na escola para que cando volvamos a vexa, pero seguro que se pode!

Antes de mandala lembra que tés que dicir como te chamas e a quen lla queres enviar. Ah! E repasa en internet como se escribe unha carta. Que hai que ser profesionais, eh! Vale?

PD: Se tes algunha dúbida, podes escribila nos comentarios e así resolvemos as de todos 😊😊😊

Adiante grumete!!! 🙌🙌🙌

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Fálame!